A CONSELLEIRA E O NOVO HOSPITAL DE VIGO

A  Conselleira declara que na Consellería de Sanidade  "non consta" diñeiro para as obras do Novo Hospital de Vigo. 

A  Conselleira  de Sanidade Pilar Farjas declara,  tras reunirse en Vigo con Lucía Molares, delegada territorial da Xunta en Vigo, que na Consellería de Sanidade  "non consta" diñeiro para as obras do Novo Hospital de Vigo, aínda que garante que arrincarán este ano, sen aclarar o modelo de financiamento, público ou privado, “depende da viabilidade económica” dixo.

Co fin de clarificar a situación e que non intenten xustificar  a rebaixa no proxecto, e a privatización do financiamento e da xestión do Novo Hospital de Vigo, CIG-Saúde considera importante deixar claro cal era a súa situación real no momento do cambio de goberno:

Sobre a ocupación dos terreos:

·         No DOGA nº31, do 13 de febreiro de 2009, publicase a aprobación definitiva polo Consello da Xunta ( celebrado o 12-2-2009) do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o Novo Hospital de Vigo

·         No DOG nº 32, do 16 de febreiro de 2009, publicase o Decreto 27/2009, de 12 de febreiro, polo que se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o Novo Hospital de Vigo

·         O 6 de marzo de 2009 asinouse o convenio entre as Consellerías de Sanidade e Política Territorial, Obras Públicas e Transportes para a execución das expropiacións derivadas deste proxecto sectorial.

Sobre o financiamento:

·         No Consello da Xunta de Galicia do 5 de febreiro de 2009, aprobouse o Plan Económico Financeiro Global da Sociedade Pública de Investimentos S.A. (SPI) no que se contempla a previsión de execución, a través dun  Plan Económico Financeiro Específico, do Novo Hospital de Vigo.

·         O 26 de febreiro de 2009 asinouse entre a Conselleira e o Presidente da SPI o Plan Económico Financeiro Específico para a construción do Novo Hospital de Vigo por valor de preto de 300 millóns de euros.

Con estes datos na man, a intervención da Conselleira de Sanidade so pode ter dúas interpretacións: unha, que descoñece a realidade do proceso de construción do Novo Hospital de Vigo; dúas,  que coñecéndoa, faga estas declaracións para  confundir a opinión pública e xustificar as medidas privatizadoras e contra a Sanidade Pública que pensa tomar.

Se era descoñecedora dos pasos realizados para garantir un Novo Hospital para Vigo con financiamento Público e que dé resposta ás necesidades (moitas) do conxunto da poboación da área de Vigo, está a tempo de rectificar e clarificar a súa posición. CIG-Saúde será a primeira en felicitala.

Se, polo contrario, o que intenta é confundir e xustificar decisións privatizadoras, pode estar segura de que dende CIG-Saúde faremos fronte a estas decisións, e estaremos ao lado da sociedade civil da área sanitaria de Vigo para opoñernos á modificación do proxecto do Novo Hospital de Vigo.

    07/05/2009

AgM

© Agrupación  Médica de CIG-Saúde

webmaster@agmedica.org