Ante o traslado do 112 ás instalacións da Estrada na noite do 18 ao 19 de abril e coincidindo coa folga de carácter indefinido dos compañeiros polas penosas condicións nas que se está xestionando devandito traslado, desde a CIG-061 e ante as noticias nesgadas que saen da Xunta de Galicia, queremos expresar primeiramente o noso apoio incondicional aos traballadores do 112. En segundo lugar, desde a Central de Coordinación do 061, estanse detectando incidencias na comunicación co 112, con demoras nalgunha ocasión de máis de 10 minutos, e aparecendo en varias ocasións unha locución para manter a chamada en espera. Tendo en conta que estes problemas non eran habituais e que isto se ven producindo desde o día 19 pola noite, está claro que o traslado do 112 si está a producir incidencias importantes na xestión das urxencias, e que ademais repercuten no traballo do 061, xa que o operador do 061 que precisa comunicar co 112 para solicitar a mobilización dalgún dos seus recursos (FOP, protección civil, bombeiros, etc.) para a correcta atención dunha urxencia ou emerxencia, non o pode facer coa celeridade necesaria, demorándose en 10 ou 15 minutos. Co cal non poder atender outras urxencias ou emerxencias, ademais de que o proceso atendido sofre un atraso que pode poñer en perigo a vida do doente . Recordamos que todas estas chamadas quedan rexistradas en tempo e lugar e poden ser facilmente analizadas. Insistimos en que a xestión das urxencias débese de realizar de xeito sería, e unha espera de 10 minutos a causa do traslado repercute moi seriamente no usuario. Instamos a Xunta de Galicia a sentarse a negociar co persoal en folga para rematar co conflito, este é un problema causado pola xunta e debe ser esta quen o solucione. CIG-sa-ude 061